viernes, 6 de diciembre de 2013

Campaña de Cáritas: "Unha soa familia humana, alimentos para todos"

 
 
Ferrol, 5 de decembro de 2013
 
Caritas Internationalis ven de lanzar a súa primeira campaña global, a desenvolver simultaneamente en todo o mundo polas 164 organizacións que forman parte dela. O tema escollido é o dereito á alimentación, do que se ven privados tantos centos de millóns de irmáns en tantos lugares do mundo, e leva como lema "Unha soa familia humana, alimentos para todos".

A campaña vaise desenvolver de aquí a maio de 2015, e conta co respaldo de Cor Unum e o apoio expreso do papa Francisco. Como podes ver, non estamos ante unha iniciativa máis, senón ante unha oportunidade de denuncia, sensibilización e oración compartida en torno a un tema gravísimo, na que debemos sentirnos implicados.
 
No noso caso particular, ademais, o noso bispo invítanos a que a acollamos con especial interese, no marco do Ano da Caridade no que estamos na nosa diocese.
 
O inmediato agora é sumarse ó arranque da campaña, que terá lugar en todo o mundo o martes 10 de decembro, ás 12 h. O acto central terá lugar en Roma, e pretende supor o lanzamento dunha "onda de oración" na que estamos chamados a participar; o Cardeal Maradiaga, presidente de Caritas Internationalis redactou unha oración a tal efecto, que temos impresa nunha pequena tarxetiña, da que nos podedes pedir os exemplares que precisedes. Está previsto que o propio papa faga público o seu respaldo a esta iniciativa, referíndose a ela ben no Ángelus do domingo 8, ben na Audiencia do mércores 11.
En Ferrol o acto contará coa presenza do noso bispo, e terá lugar no día e hora indicados, na Concatedral de san Xiao. Invitámosvos a acudir e a difundilo nas vosas comunidades, centros, etc.; e tamén a que un acto similar se repita en cantos máis lugares da diocese sexa posible.
 
Para ter constancia deles, pídovos que comuniquedes ditos actos a jdiaz.cdmondonedo@caritas.es, ou chamando por teléfono a Cáritas Diocesana. Desde Cáritas española tamén nos piden que lles enviamos fotos e/ou vídeos dos actos que se realicen, así que se vos é posible tamén vos agradecemos que nolas remitades.
 
En principio, o acto a levar a cabo é ben sinxelo e breve: xuntarse a esa hora, e rezar a oración, compartindo previamente un xesto común, que pensamos podería ser o repique de campás. O material de campaña inclúe un vídeo breve cunha mensaxe do Cardeal Maradiaga, que podería tamén proxectarse alí onde resulte posible; descárgase de youtube: www.youtube.com/watch?v=LOyQAY3en1o.
 
Pero hoxe mesmo recibimos novo material da campaña, que poñemos á vosa disposición, por se vos resultase útil. Ademais, na web www.food.caritas.org podedes encontrar máis información e recursos. Grazas pola vosa implicación.
 

No hay comentarios:

Publicar un comentario