A Economía da Unidade



A voltas coa economía

            Hai temas que a todos nos preocupan; un deles é, sen dúbida, o tema dos cartos. E se falamos de cómo nos financiamos na Igrexa, o interese sube como a espuma.

            Na nosa Unidade Pastoral, desde hai ben tempo, a financiación é voluntaria: non se cobra nada polos servizos pastorais, nin polos materiais empregados na catequese,... entón cómo se fai? de onde quitamos cartos para levar adiante iniciativas, actividades, obras...?

            Non en tódalas comunidades da nosa Unidade, levámo-lo mesmo ritmo; depende das características e posibilidades de cada unha:
  • Na maioría das parroquias, os cartos dos donativos cando pasámo-la cesta nas celebracións, o que se bota nos lampadarios ou boetas, incluso, o que a xente deixa como donativo por algunha celebración (bautizos, vodas, enterros, cabodanos...), todo iso emprégase para as necesidades parroquiais. Cada parroquia ten unha conta bancaria, e alí, imos ingresando o que xuntamos, e con iso facémo-las compras precisas, o material, os amaños, etc.
  • Na parroquia de Vilalba, xunto co sistema anterior, hai o que chamamos cooperantes: persoas que ó ano ofrecen á parroquia unha cuota voluntaria. A realidade é que hai bastante xente que é cooperante, e aporta unha bolsa xeitosa para as necesidades parroquiais.
  • Cada ano, o grupo de Economía da parroquia, fai unha campaña para animar a ser cooperante. O importe que queres dar, establéceo cada un. A perioricidade para dalo, tamén; a maioría de nós facémolo anualmente, pero hai persoas que o fan semestral ou cuatrimestralmente.
Hai un aspecto que moitas veces non se sabe, e é importante: coas aportacións que facemos todos, tamén se está a axudar a familias, persoas,… que están pasando dificultades económicas. Non queremos que as nosas comunidades parroquiais non sexan sensibles ós pobres, e tampouco queremos que se hai comunidades máis débiles, que non poidan contar coa nosa solidariedade. Cremos que a comunicación cristiá dos bens é algo urxente e necesario, e desde logo, o que quería Xesús.

Outro xeito de colaborar economicamente coa nosa Igrexa, e estámolo a ver nestes días, é marcando un X na declaración da Renda a favor da Igrexa católica, e tamén a favor de “outros fins sociais”. Non supón esforzo nin gasto a maiores para ninguén: dos impostos que pagamos, un 0,7 % destínase a eses fins se os marcamos. Entre tantos contribuíntes no noso país, xúntase unha boa axuda que logo é destinada a moitos campos da Igrexa.

Só se pode colaborar destes xeitos? Non, a verdade é que en calquera momento e de diversas maneiras pódese facer. Nas nosas parroquias hai xente que aporta donativos anónimos; outros, “en especie”: non cobran o que gastan nas actividades, asumen eles algunhas cousas, adican o seu tempo,... hai moitas maneiras de botar unha man. Cada un inventa a súa cando se sinte parte activa da súa comunidade e responsable dela.